Sunday 12 de May de 2024

Feijóo destaca o compromiso do sector público coa innovación sanitaria, cun decreto que facilitará a transferencia dos resultados da investigación á realidade


Subliña que en colaboración cos tres institutos de investigación sanitaria e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde “estúdase, avánzase e conséguense logros moi importantes”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o compromiso do sector público coa innovación sanitaria e o seu desenvolvemento, coa aprobación onte, no Consello da Xunta, dun decreto para facilitar a transferencia dos resultados da investigación á realidade, “porque o obxectivo de calquera descubrimento debe ser, en primeiro lugar, protexer o autor e o contido do mesmo e repartir de xeito ecuánime os resultados dese descubrimento”, dixo.

Nesta liña, recordou que en colaboración cos tres institutos de investigación sanitaria e a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde “estúdase, avánzase e conséguense logros moi importantes”.

A modo de exemplo, salientou que o ano pasado 3776 persoas que traballan nestas entidades, a través de 364 grupos, captaron case 84 millóns de euros para levar a cabo investigacións que se traduciron en 2158 publicacións e 386 ensaios clínicos. E a carteira tecnolóxica do Servizo Galego de Saúde conta con 33 familias de patentes, 11 rexistros de programas informáticos ou 4 spin-off constituídas ou en tramitación; “e logramos que dous multinacionais farmacéuticas desenvolvan os seus proxectos en Galicia a través de dous Unidades Mixtas de Innovación”, engadiu, aseverando que detrás destas cifras se esconde a vontade do pobo galego de participar cada vez con máis forza na innovación sanitaria.

Así mesmo, subliñou que a Sanidade pública consome máis do 40% dos orzamentos galegos; “e, sen ir máis lonxe, o próximo ano 2019 contará co presuposto máis elevado da nosa historia, a punto de superar os 4000 millóns de euros, precisou, facendo fincapé en que sen a faceta económica que garanta a viabilidade a curto e medio prazo, non hai sanidade de futuro, ao igual que sen a faceta innovadora que busque novos tratamentos, que perfeccione técnicas, que permita, ao fin, curar ou aliviar máis e mellor, tampouco hai sanidade de futuro.

O presidente da Xunta rematou a súa intervención na inauguración da Fundación I.M.Q. San Rafael destacando a utilidade dunha fundación que quere formar mellor os profesionais, investigar máis e fomentar hábitos saudables entre os colectivos máis vulnerables.